Maio 25th, 2011 Snob Megalove
A min pódenme acusar de moitas cousas, pero nunca de traballador. Como proba tedes a eternidade que levaba sen actualizar o blogue, e tamén o modus operandi de Shit Pony: facemos as nosas cancións sen saír da casa, e aquí ficamos agochados, cubrindo sudokus mentres petan na porta discográficas, festivais de música e groupies de toda caste.

Aparte daquela Violencia coa que irrompemos no panorama, xa levamos publicados outros tres piñocos sónicos que causan sensación entre os nosos amigos e familiares. O guitarrista nos tres foi o compañeiro Ser Jordi PunkSlayer, a quen aproveitamos para saudar afectuosamente.

Para que poidades desfrutar cómodamente das nosas aberrantes arroutadas, Shit Pony acabamos de inaugurar unha páxina no Bandcamp. Alí poderedes escoitar as cancións e descargalas no formato que vos pete. E tamén tedes á vosa disposición as nosas letras, por se andades cantareiros. Pasádeme todos para http://ShitPony.Bandcamp.com/

E como aínda non falara deles no blogue, aquí tamén vos deixo eses tres cantares de Shit Pony:
DAGON
Praia, amor e sexo con monstros mariños. Este furolazo de Powerpop Lovecraftiano foi o noso segundo single, co que acadamos un grande éxito na derradeira edición do Apologhit.
Descarga Shit Pony – Dagon
Dagon foi incluído no recopilatorio Come On Pelegrín, escaparate da escena underground compostelana que leva o selo de calidade dos amigos de Pista Oculta.
PONI (OU MORTE)
Berro de guerra dunha xeración de rapazas insatisfeitas, princesas todas. O terceiro atentado musical de Shit Pony foi a nosa achega ao vinilo colectivo do heteroxéneo movemento Galician Bizarre.
Descarga Shit Pony – Poni (ou Morte)
Os que non teñades gramófono podedes escoitar o disco enteiro aquí. E os que non teñades puta idea do que é o Galician Bizarre, é mellor que preguntedes por aí, porque cada vez que a prensa tenta explicar o movemento, os Bizarros saen ás rúas con fachos e fouciños esixindo sangue. Nós o único que pedimos é un poni.
O LUGAR NO QUE EU REPOUSE
O último de Shit Pony é un tributo emo-pop a Lois Pereiro, o poeta maldito que nos queda máis a man. Fixemos confetti cos seus versos para encher unha bomba de palenque que rebenta co angst existencial.
Descarga Shit Pony – O Lugar No Que Eu Repouse
Agora que xa pasou o Día Das Letras Galegas e as autoridades van retirando As Súas Sucias Mans dese ionqui anarquista que nos quixeron vender coma un dos seus, agardamos que O Lugar No Que Eu Repouse estea presente no rabudo album-homenaxe que disque a punkallada do país anda a argallar.

Si, amigos: outro disco recopilatorio, outra canción de Shit Pony. A banda que vai facendo carreira a base de also starrings. Os Steve Buscemi do pop galego.
Se gostades do noso punk caseiro, descargade, difundide e facédenolo saber!
E se queredes que deixemos de producilo, dádenos cartos!
Posted in Ego, Música | No Commentss »
Decembro 16th, 2009 Snob Megalove

Imos todos fartos das cancións de amor tráxico, de amor platónico, de amor eterno, hortera e babexante. O que lle pide o corpo á década que estamos a piques de inaugurar é amor gore, pasando de romanticismos e sutilezas.
Con esa idea na cabeza xuntámonos o outro día Vil Megalove, Alex KoploBitch e máis eu para perpretar o primeiro atentado contra o bo gusto de Shit Pony, o novo proxecto musical no que andamos metidos, e do que xa vos irei contando máis cousas próximamente.
Polo momento, aquí vos vai Violencia, o primeiro single de Shit Pony, unha ración do noso punk subnormal made in Conxo. Composta e gravada en hora e pico escasa, coma Deus manda.
Descargar Violencia.mp3
A LETRA
Eu non vou buscando amores, prefiro unha labazada
Un directo ás costelas! Déixame a cara morada!
Se che pido un bico (Vas levar! Vas levar!)
Douche nos fuciños (Faime mal! Faime mal!)
Nena faime sangue (E non vaias parar!)
Córtame en cachiños (Na na na na na na!)
Violencia! Quero con urxencia un pouco de violencia!
Non teño paciencia! Vou estoupar!
Violencia! Dame con urxencia ultraviolencia!
Esgótase a paciencia! Voute matar!
As navallas son para os nenos, as pistolas para os covardes
Neno dame algo máis duro, ou non chego a excitarme
Quen quere katanas habendo fouciños!
Teño un taladro! Faime buratiños!
Posted in Ego, Música | 8 Comments »
Novembro 30th, 2009 Snob Megalove

Hoxe cúmprense tres anos do debut en concerto dos Megaloves, o dúo de Anarcountry e Murder Blues no que eu meto os berros e Vil Megalove o sentidiño. E para celebralo aquí tedes unha nova canción, a nosa adaptación ao galego dun tema de The Clash coa que agardamos sumarnos ao concurso/homenaxe que lles están a facer en Radio 3 co gallo do trixésimo aniversario da publicación do London Calling, o puto mellor disco da historia.
The Right Profile, que rebautizamos Perfil Perfecto na nosa versión, fala do accidente de coche que marcou a decadencia do coitado Montgomery Clift, estrela daquel Hollywood clásico, o de Marilyn Monroe e James Dean, o que vivía rápido e deixaba fermosos cadáveres.
En Perfil Perfecto contamos coa participación do amigo “Pretty Boy” Roi na harmónica e o banjo, un verdadeiro luxo!
Descarga Perfil Perfecto.
A LETRA
Ei, onde vin eu a este nacho?
En Río Vermello, ou Un Lugar ao Sol
En Vidas Rebeldes ou De Aquí á Eternidade
Todos queren saber quen é
Todos preguntan se está ben
A todos fáiselles coñecido
É Montgomery Clift, cariño
Marcan o ritmo de Nova York
Chulos e putas na 42
A Monty quen o vai recoñecer
Coa roupa rota e sen zapatos nos pés
Vexo o coche no que se esnafrou
Perfil perfecto partido en dous
Non é momento para aplaudir
Aínda sinte? Pode vivir?
Nembutal calma a dor
Pero eu prefiro o alcool!
Trae outro taco de fotos pra asinar
Trae outro bote de pílulas máis
Estou tremendo e frío non fai
Aaaargh!
Posted in Ego, Música | 6 Comments »