My Horror Love
Novembro 3rd, 2009 Snob MegaloveHai uns días tiven a ledicia de ver publicado un pequeno texto meu en El Emperador de los Helados, que co gallo do Halloween convidou aos lectores a participar nun proxecto colectivo chamado My Horror Love. A cousa ía de contar as historias de amor de cada un con monstros, heroínas e vítimas dos filmes de terror. Cinefilia pura.
Eu, que son de natural repunantiño, escollín a unha rapaza que non encaixa exactamente nesa categoría, pero que lle vai ben abondo. Aquí teñen a entrada orixinal en El Emperador de los Helados, e tamén tomei a molestia de traducila ao galego, un detalle para as vítimas das galescolas e a súa ruín imposición lingüística.
A Nena Que Foi Mércores
Existe unha verdade irrefutable: o neno é o lobo do neno. Alomenos, do neno diferente. Aquel que pola súa miopía, timidez ou gordura, as súas chamativas características físicas, os seus defectos na fala ou a roupa que os pais escolleran para el, aprendeu cedo na vida que o inferno son os outros.
Non se enganen, todos somos aquel neno ao que sinalaron co dedo até obrigalo a ver á Infancia desde fóra e sentir un noxo que te cagas. Con menudo fato de imbéciles me foron encarcerar, pensamos, porcos, prepotentes e totalmente carentes de empatía e orixinalidade. Por iso todos facemos a ola mentres a Fábrica de Chocolate de Willy Wonka vai esmagando un a un aos Demáis. E por iso todos namoramos daquela nena chamada Mércores.
Mércores Addams, menudo partidazo. Non só vivía na mansión que nós só podiamos imaxinar, non só tiña os pais máis xeniais do mundo, non só inventaba os xogos máis sanguiñentos e (polo tanto) divertidos que poidan existir. Por riba de todo iso, aquela nena non estaba obrigada a participar na Infancia, a interpretar o estúpido, sorrinte e canso papel que nos adxudicaran a todos só en base á nosa idade. Meu Deus, volvo namorar só de pensalo. Mércores era ceibe para vestir de negro, portarse mal e non sorrir, e lle importaba un carallo o que os demáis pensasen dela.
Por iso ten todo o sentido que aquela nena sinistra rematase por traballar con Tim Burton, Terry Gilliam, John Waters, Woody Allen ou os irmáns Wachowski. Tiñan unha débeda connosco, hostia. Porque Christina Ricci foi a Musa do Outcast Prepúber; un primeiro amor tan grande que, por moito que foramos medrando, nunca aceptamos deixar atrás.
