The King Khan & BBQ Show – Invisible Girl
Novembro 18th, 2009 Snob MegaloveSe nalgures dan un premio á mellor portada de disco do ano, aviso que o galardón xa ten dono este 2009. Monstros mariños + rapaza en apuros (e biquini). Simplemente imbatible.

E se a portada xa emite boas vibracións, agarda a escoitar o disco. Invisible Girl é unha das mellores cousas que lle teñen pasado á música nos últimos tempos, unha bomba de diversión tontorrona sen complexos, como ten que ser o mellor rocanrol, da man de dous expertos na materia, os canadianos King Khan e BBQ (nin bibiquiú nin bebecú; pronúnciese Bárbequiu, coma o churrasco).
Cando escoitas un temazo coma Tastebuds, que fala con ledicia do desexo de ter papilas gustativas nos xenitais, tes que escoller: ou asumes que estás ante a puta mellor canción do ano, ou aceptas que levas moito tempo morto, e non te decataras. Así de claro, e máis tendo en conta que esta é unha peza de punk-pop rocanroleiro e carallán como non se facían desde o tempo dos Rezillos.
A clave, xa o dixen, está na diversión estupidizante e liberadora. Iso si, ligada de xeito inseparable cun exquisito sentido do gusto. Transgresor, kitsch e punk, pero con moito amor e savoir faire rocanroleiro. E con tanta reverencia á raigame musical como vontade de variar, mesturar e sorprender. Se nos poñemos etiquetadores, en Invisible Girl temos un feixe de cancións con aires doo-wop nos que da gloria a poderosa voz de BBQ (Anala, I’ll Be Loving You, Tryin’, a sentida Third Ave.), pero tamén martelazos de punk do 77 (Truth or Dare), trallazos powerpop (Lonely Boy) e mesmo cousas que me fan lembrar aos Rolling Stones do Exile on Main St. (Crystal Ball), pero ningunha canción fica en simple réplica dun estilo. Nin moito menos.
En resumo, se compartes a miña opinión de que nunca haberá suficientes cancións de rocanrol nas que se fagan imitacións de animais de granxa coa voz, vas flipar con Invisible Girl.

PERO QUEN SON ESTES NACHOS?
O bigotes do casco prusiano é King Khan, un James Brown de mercadillo con moita querencia polos disfraces. Foi o terror de Montreal na segunda metade dos anos 90 cos Spaceshits, uns punks tan brutiños que acabaron por non ter onde tocar en toda a cidade. Ao rematar a derradeira xira da banda, decidiu ficar en Berlín, onde xuntou unha completa orquestra de funk psicótico e soul psicodélico, que o acompaña baixo o nome de King Khan & His Shrines.
O malencarado do turbante é Mark Sultan, tamén coñecido como BBQ. Dono dunha voz cálida e atemporal, arrincada por arte de maxia dun vinilo gastado do primeirísimo soul. Tamén foi un Spaceshit en tempos, e de volta en Montreal fundou Les Sexareenos, banda de frat rock sesenteiro hipervitaminado. Cando estes decidiron separarse a cousa era seguir tocando en directo, así que Mark Sultan colleu micrófono, guitarra e pedais da batería e se botou á estrada feito un one-man band, auténtico home orquestra baixo o nome de BBQ.
The King Khan & BBQ Show é a suma dos dous elementos, o home-espectáculo e o home-orquestra. E o resultado é unha chea de melodías pegañentas, baterías primitivas e guitarras crocantes, e un amor pola carallada de proporcións épicas. Este Invisible Girl é o seu terceiro LP, despois de The King Khan & BBQ Show (2005) no que revitalizaron moitas das xa de por sí salvaxes pezas de BBQ en solitario, e o aclamado What’s for Dinner? (2006). Polo medio, King Khan seguiu cos Shrines e Mark Sultan sacou os seus Sultanic Verses (2007), ademáis de voltar ao punk cos Mind Controls. E os dous xuntos formaron os Ciaoculos (cos italianos Mojomatics), e a superbanda de gospel The Almighty Defenders (cos seus colegas dos Black Lips).
Demasiada información? A culpa é deles, que non paran quietos nin por un segundo. Non tiveches abondo? Pois pásame por aquí: