Febreiro 11th, 2010 Snob Megalove
A pregunta:
Acláreme o concepto de “vida ensalada de pasta”, se me fai o favor.
A resposta:
Imos por partes. Primeiro, a ensalada de pasta, como a fai a maioría da xente, é un dos pratos máis ruíns que existen no mundo. Nin tan sequera é sincera na súa cutrez, como o son os vulgares espaguetis con salsa Solís, ou a pizza ultraconxelada. Alguén pode convidarte a xantar e servir ENSALADA DE PASTA, e sentirse bo anfitrión, sofisticado, orixinal e mesmo un pouco chef. Eu digo non a iso. NON. Pasta fría, maionesa de bote, un par de latas que xa tes abertas na neveira, embutido do máis insípido e sospeitoso. Iso non é comida. A ensalada de pasta alimentará o corpo, pero non a alma. A alma vaina matando de vagar.
Agora, hai persoas, en especial parellas noviñas, que viven xuntas. Que queren que a convivencia sexa guai, que queren que cada día teña algo bonito para compartir. Un detalle. Todo coa mellor intención. E van e preparan ENSALADA DE PASTA para cear EN AMOR Y COMPAÑÍA. E ven xuntos Aída, ou Fama, ou House. A rutina vaise impoñendo, as súas almas van sendo esmagadas, cuadriculadas, estupidizadas pola ensalada de pasta e todo o que representa. A súa vida social vai minguando, xunto coas súas ganas de ser alguén, de distinguirse, de crear, de tolear, de meterlle un pouco de arte e rocanrol á vida. Fanse adultos no máis triste dos sentidos. A ensalada de pasta é unha arma de represión.
A isto me refiro cando falo de “Vida Ensalada de Pasta”.
Tirado da miña páxina no Formspring, a web de entrevistolas que causou grande sensación na rede galega. Durante tres días ou así. Logo xa a deron por morta.
Posted in Cociña, Ego | 3 Comments »
Decembro 16th, 2009 Snob Megalove

Imos todos fartos das cancións de amor tráxico, de amor platónico, de amor eterno, hortera e babexante. O que lle pide o corpo á década que estamos a piques de inaugurar é amor gore, pasando de romanticismos e sutilezas.
Con esa idea na cabeza xuntámonos o outro día Vil Megalove, Alex KoploBitch e máis eu para perpretar o primeiro atentado contra o bo gusto de Shit Pony, o novo proxecto musical no que andamos metidos, e do que xa vos irei contando máis cousas próximamente.
Polo momento, aquí vos vai Violencia, o primeiro single de Shit Pony, unha ración do noso punk subnormal made in Conxo. Composta e gravada en hora e pico escasa, coma Deus manda.
Descargar Violencia.mp3
A LETRA
Eu non vou buscando amores, prefiro unha labazada
Un directo ás costelas! Déixame a cara morada!
Se che pido un bico (Vas levar! Vas levar!)
Douche nos fuciños (Faime mal! Faime mal!)
Nena faime sangue (E non vaias parar!)
Córtame en cachiños (Na na na na na na!)
Violencia! Quero con urxencia un pouco de violencia!
Non teño paciencia! Vou estoupar!
Violencia! Dame con urxencia ultraviolencia!
Esgótase a paciencia! Voute matar!
As navallas son para os nenos, as pistolas para os covardes
Neno dame algo máis duro, ou non chego a excitarme
Quen quere katanas habendo fouciños!
Teño un taladro! Faime buratiños!
Posted in Ego, Música | 8 Comments »
Novembro 3rd, 2009 Snob Megalove
Hai uns días tiven a ledicia de ver publicado un pequeno texto meu en El Emperador de los Helados, que co gallo do Halloween convidou aos lectores a participar nun proxecto colectivo chamado My Horror Love. A cousa ía de contar as historias de amor de cada un con monstros, heroínas e vítimas dos filmes de terror. Cinefilia pura.
Eu, que son de natural repunantiño, escollín a unha rapaza que non encaixa exactamente nesa categoría, pero que lle vai ben abondo. Aquí teñen a entrada orixinal en El Emperador de los Helados, e tamén tomei a molestia de traducila ao galego, un detalle para as vítimas das galescolas e a súa ruín imposición lingüística.

A Nena Que Foi Mércores
Existe unha verdade irrefutable: o neno é o lobo do neno. Alomenos, do neno diferente. Aquel que pola súa miopía, timidez ou gordura, as súas chamativas características físicas, os seus defectos na fala ou a roupa que os pais escolleran para el, aprendeu cedo na vida que o inferno son os outros.
Non se enganen, todos somos aquel neno ao que sinalaron co dedo até obrigalo a ver á Infancia desde fóra e sentir un noxo que te cagas. Con menudo fato de imbéciles me foron encarcerar, pensamos, porcos, prepotentes e totalmente carentes de empatía e orixinalidade. Por iso todos facemos a ola mentres a Fábrica de Chocolate de Willy Wonka vai esmagando un a un aos Demáis. E por iso todos namoramos daquela nena chamada Mércores.
Mércores Addams, menudo partidazo. Non só vivía na mansión que nós só podiamos imaxinar, non só tiña os pais máis xeniais do mundo, non só inventaba os xogos máis sanguiñentos e (polo tanto) divertidos que poidan existir. Por riba de todo iso, aquela nena non estaba obrigada a participar na Infancia, a interpretar o estúpido, sorrinte e canso papel que nos adxudicaran a todos só en base á nosa idade. Meu Deus, volvo namorar só de pensalo. Mércores era ceibe para vestir de negro, portarse mal e non sorrir, e lle importaba un carallo o que os demáis pensasen dela.
Por iso ten todo o sentido que aquela nena sinistra rematase por traballar con Tim Burton, Terry Gilliam, John Waters, Woody Allen ou os irmáns Wachowski. Tiñan unha débeda connosco, hostia. Porque Christina Ricci foi a Musa do Outcast Prepúber; un primeiro amor tan grande que, por moito que foramos medrando, nunca aceptamos deixar atrás.
Posted in Cinema, Ego | 1 Comment »