decembro 16th, 2009 Snob Megalove

Imos todos fartos das cancións de amor tráxico, de amor platónico, de amor eterno, hortera e babexante. O que lle pide o corpo á década que estamos a piques de inaugurar é amor gore, pasando de romanticismos e sutilezas.
Con esa idea na cabeza xuntámonos o outro día Vil Megalove, Alex KoploBitch e máis eu para perpretar o primeiro atentado contra o bo gusto de Shit Pony, o novo proxecto musical no que andamos metidos, e do que xa vos irei contando máis cousas próximamente.
Polo momento, aquí vos vai Violencia, o primeiro single de Shit Pony, unha ración do noso punk subnormal made in Conxo. Composta e gravada en hora e pico escasa, coma Deus manda.
Descargar Violencia.mp3
A LETRA
Eu non vou buscando amores, prefiro unha labazada
Un directo ás costelas! Déixame a cara morada!
Se che pido un bico (Vas levar! Vas levar!)
Douche nos fuciños (Faime mal! Faime mal!)
Nena faime sangue (E non vaias parar!)
Córtame en cachiños (Na na na na na na!)
Violencia! Quero con urxencia un pouco de violencia!
Non teño paciencia! Vou estoupar!
Violencia! Dame con urxencia ultraviolencia!
Esgótase a paciencia! Voute matar!
As navallas son para os nenos, as pistolas para os covardes
Neno dame algo máis duro, ou non chego a excitarme
Quen quere katanas habendo fouciños!
Teño un taladro! Faime buratiños!
Publicado en Ego, Música | 5 comentarios »
novembro 30th, 2009 Snob Megalove

Hoxe cúmprense tres anos do debut en concerto dos Megaloves, o dúo de Anarcountry e Murder Blues no que eu meto os berros e Vil Megalove o sentidiño. E para celebralo aquí tedes unha nova canción, a nosa adaptación ao galego dun tema de The Clash coa que agardamos sumarnos ao concurso/homenaxe que lles están a facer en Radio 3 co gallo do trixésimo aniversario da publicación do London Calling, o puto mellor disco da historia.
The Right Profile, que rebautizamos Perfil Perfecto na nosa versión, fala do accidente de coche que marcou a decadencia do coitado Montgomery Clift, estrela daquel Hollywood clásico, o de Marilyn Monroe e James Dean, o que vivía rápido e deixaba fermosos cadáveres.
En Perfil Perfecto contamos coa participación do amigo “Pretty Boy” Roi na harmónica e o banjo, un verdadeiro luxo!
Descarga Perfil Perfecto.
A LETRA
Ei, onde vin eu a este nacho?
En Río Vermello, ou Un Lugar ao Sol
En Vidas Rebeldes ou De Aquí á Eternidade
Todos queren saber quen é
Todos preguntan se está ben
A todos fáiselles coñecido
É Montgomery Clift, cariño
Marcan o ritmo de Nova York
Chulos e putas na 42
A Monty quen o vai recoñecer
Coa roupa rota e sen zapatos nos pés
Vexo o coche no que se esnafrou
Perfil perfecto partido en dous
Non é momento para aplaudir
Aínda sinte? Pode vivir?
Nembutal calma a dor
Pero eu prefiro o alcool!
Trae outro taco de fotos pra asinar
Trae outro bote de pílulas máis
Estou tremendo e frío non fai
Aaaargh!
Publicado en Ego, Música | 4 comentarios »
novembro 18th, 2009 Snob Megalove
Se nalgures dan un premio á mellor portada de disco do ano, aviso que o galardón xa ten dono este 2009. Monstros mariños + rapaza en apuros (e biquini). Simplemente imbatible.

E se a portada xa emite boas vibracións, agarda a escoitar o disco. Invisible Girl é unha das mellores cousas que lle teñen pasado á música nos últimos tempos, unha bomba de diversión tontorrona sen complexos, como ten que ser o mellor rocanrol, da man de dous expertos na materia, os canadianos King Khan e BBQ (nin bibiquiú nin bebecú; pronúnciese Bárbequiu, coma o churrasco).
Cando escoitas un temazo coma Tastebuds, que fala con ledicia do desexo de ter papilas gustativas nos xenitais, tes que escoller: ou asumes que estás ante a puta mellor canción do ano, ou aceptas que levas moito tempo morto, e non te decataras. Así de claro, e máis tendo en conta que esta é unha peza de punk-pop rocanroleiro e carallán como non se facían desde o tempo dos Rezillos.
A clave, xa o dixen, está na diversión estupidizante e liberadora. Iso si, ligada de xeito inseparable cun exquisito sentido do gusto. Transgresor, kitsch e punk, pero con moito amor e savoir faire rocanroleiro. E con tanta reverencia á raigame musical como vontade de variar, mesturar e sorprender. Se nos poñemos etiquetadores, en Invisible Girl temos un feixe de cancións con aires doo-wop nos que da gloria a poderosa voz de BBQ (Anala, I’ll Be Loving You, Tryin’, a sentida Third Ave.), pero tamén martelazos de punk do 77 (Truth or Dare), trallazos powerpop (Lonely Boy) e mesmo cousas que me fan lembrar aos Rolling Stones do Exile on Main St. (Crystal Ball), pero ningunha canción fica en simple réplica dun estilo. Nin moito menos.
En resumo, se compartes a miña opinión de que nunca haberá suficientes cancións de rocanrol nas que se fagan imitacións de animais de granxa coa voz, vas flipar con Invisible Girl.

PERO QUEN SON ESTES NACHOS?
O bigotes do casco prusiano é King Khan, un James Brown de mercadillo con moita querencia polos disfraces. Foi o terror de Montreal na segunda metade dos anos 90 cos Spaceshits, uns punks tan brutiños que acabaron por non ter onde tocar en toda a cidade. Ao rematar a derradeira xira da banda, decidiu ficar en Berlín, onde xuntou unha completa orquestra de funk psicótico e soul psicodélico, que o acompaña baixo o nome de King Khan & His Shrines.
O malencarado do turbante é Mark Sultan, tamén coñecido como BBQ. Dono dunha voz cálida e atemporal, arrincada por arte de maxia dun vinilo gastado do primeirísimo soul. Tamén foi un Spaceshit en tempos, e de volta en Montreal fundou Les Sexareenos, banda de frat rock sesenteiro hipervitaminado. Cando estes decidiron separarse a cousa era seguir tocando en directo, así que Mark Sultan colleu micrófono, guitarra e pedais da batería e se botou á estrada feito un one-man band, auténtico home orquestra baixo o nome de BBQ.
The King Khan & BBQ Show é a suma dos dous elementos, o home-espectáculo e o home-orquestra. E o resultado é unha chea de melodías pegañentas, baterías primitivas e guitarras crocantes, e un amor pola carallada de proporcións épicas. Este Invisible Girl é o seu terceiro LP, despois de The King Khan & BBQ Show (2005) no que revitalizaron moitas das xa de por sí salvaxes pezas de BBQ en solitario, e o aclamado What’s for Dinner? (2006). Polo medio, King Khan seguiu cos Shrines e Mark Sultan sacou os seus Sultanic Verses (2007), ademáis de voltar ao punk cos Mind Controls. E os dous xuntos formaron os Ciaoculos (cos italianos Mojomatics), e a superbanda de gospel The Almighty Defenders (cos seus colegas dos Black Lips).
Demasiada información? A culpa é deles, que non paran quietos nin por un segundo. Non tiveches abondo? Pois pásame por aquí:
Videoclip da canción I’ll Be Loving You, un dos temazos de Invisible Girl.
Montreal Garage Punk: La Escena Que Nunca Existió (capítulo 1, 2005) por Roger Estrada.
Entrevistas con Mark Sultan (2007) e con King Khan (2008) en Turn It Down.
Entrevistas con King Khan (xuño ‘09) e con Mark Sultan (outubro ‘09) en Rollo & Grady.
A páxina web oficial de Mark Sultan.
Publicado en Música | 7 comentarios »
outubro 30th, 2009 Snob Megalove
Un amigo meu adoita dicir deles que “ya salen sudados a tocar“, e a min non se me ocurre un afago maior para os Samesugas. Unha década facendo Punk Rock con sabor a hostiazo na boca, a banda sonora macarra de Compostela. Aquí os temos pegando chimpos, nun videoclip que tamén ven ser adianto da serie Perros, da que aínda se sabe pouco, pero que xa promete as nosas cousas favoritas: violencia e rocanrol.
Publicado en Música | Sen comentarios »