Shit Pony Non Stop!
Maio 25th, 2011 Snob MegaloveA min pódenme acusar de moitas cousas, pero nunca de traballador. Como proba tedes a eternidade que levaba sen actualizar o blogue, e tamén o modus operandi de Shit Pony: facemos as nosas cancións sen saír da casa, e aquí ficamos agochados, cubrindo sudokus mentres petan na porta discográficas, festivais de música e groupies de toda caste.

Aparte daquela Violencia coa que irrompemos no panorama, xa levamos publicados outros tres piñocos sónicos que causan sensación entre os nosos amigos e familiares. O guitarrista nos tres foi o compañeiro Ser Jordi PunkSlayer, a quen aproveitamos para saudar afectuosamente.

Para que poidades desfrutar cómodamente das nosas aberrantes arroutadas, Shit Pony acabamos de inaugurar unha páxina no Bandcamp. Alí poderedes escoitar as cancións e descargalas no formato que vos pete. E tamén tedes á vosa disposición as nosas letras, por se andades cantareiros. Pasádeme todos para http://ShitPony.Bandcamp.com/

E como aínda non falara deles no blogue, aquí tamén vos deixo eses tres cantares de Shit Pony:
DAGON
Praia, amor e sexo con monstros mariños. Este furolazo de Powerpop Lovecraftiano foi o noso segundo single, co que acadamos un grande éxito na derradeira edición do Apologhit.
Descarga Shit Pony – Dagon
Dagon foi incluído no recopilatorio Come On Pelegrín, escaparate da escena underground compostelana que leva o selo de calidade dos amigos de Pista Oculta.
PONI (OU MORTE)
Berro de guerra dunha xeración de rapazas insatisfeitas, princesas todas. O terceiro atentado musical de Shit Pony foi a nosa achega ao vinilo colectivo do heteroxéneo movemento Galician Bizarre.
Descarga Shit Pony – Poni (ou Morte)
Os que non teñades gramófono podedes escoitar o disco enteiro aquí. E os que non teñades puta idea do que é o Galician Bizarre, é mellor que preguntedes por aí, porque cada vez que a prensa tenta explicar o movemento, os Bizarros saen ás rúas con fachos e fouciños esixindo sangue. Nós o único que pedimos é un poni.
O LUGAR NO QUE EU REPOUSE
O último de Shit Pony é un tributo emo-pop a Lois Pereiro, o poeta maldito que nos queda máis a man. Fixemos confetti cos seus versos para encher unha bomba de palenque que rebenta co angst existencial.
Descarga Shit Pony – O Lugar No Que Eu Repouse
Agora que xa pasou o Día Das Letras Galegas e as autoridades van retirando As Súas Sucias Mans dese ionqui anarquista que nos quixeron vender coma un dos seus, agardamos que O Lugar No Que Eu Repouse estea presente no rabudo album-homenaxe que disque a punkallada do país anda a argallar.

Si, amigos: outro disco recopilatorio, outra canción de Shit Pony. A banda que vai facendo carreira a base de also starrings. Os Steve Buscemi do pop galego.
Se gostades do noso punk caseiro, descargade, difundide e facédenolo saber!
E se queredes que deixemos de producilo, dádenos cartos!