As Fotos de Shit Pony

Coma calquera banda punk que se manteña fiel aos verdadeiros principios do movemento, Shit Pony somos quen de vender ás nosas propias nais con tal de saír nunha foto. Por sorte, non foi necesario chegar a tal extremo nesta ocasión; só tivemos que abusar un pouco da xenerosidade da nosa boa amiga e talentosa fotógrafa Beatriz Vilariño.

Aí van as primeiras fotos oficiais de Shit Pony, o voso novo escuadrón da morte favorito, quitadas en recunchos tan emblemáticos de Compostela coma son a Abominable Igrexa de San Fernando, ou o semáforo este que hai en Romero Donallo con vistas ás ruínas do Cine Avenida. Cousa bonita!

Compre recalcar que os dous membros permanentes de Shit Pony, os que saímos nas estampas, non sabemos tocar instrumento musical ningún. De dar algún concerto (e cunha soa canción no repertorio xa tivemos ofertas), sería en rigoroso playback. Somos unha banda 100% de postureo, e estamos orgullosos. Por iso, non che nos custa nadiña recoñecer que estas fotografías teñen máis calidade, máis arte e máis todo que calquera androlla musical que poidamos chegar a producir. Graciñas, amiga Bea, por ter cabalgado con nós neste Pony de Merda!

18th Xuñ 10. Posted in Ego, Música.

View or Post Comments.