O Brownie do Snob Megalove
Está feo que o diga eu, pero o Brownie do Snob Megalove™ pasou a ser un dos pequenos mitos da rede galega desde aquela I Chuzarrascada (no ano 2006) na que tiven a ocorrencia de convidar aos presentes a catar a miña especialidade larpeira. Antes de que Ghanito, o noso cubridor de eventos oficial, tivese tempo de quitar a foto, xa desaparecera a metade, nun rebumbio de bramidos de aprobación e berros orgásmicos. Haille que dar gracias á providencia porque ese coitelo non rematara chantado no ollo dalgún blogueiro na loita polo derradeiro anaquiño.

Xa logo van alá catro anos, e a xente aínda me lembra o brownie á menor oportunidade. É o que máis me reclaman, xunto coa volta dos Creativos Cero e novos episodios do meu podcast, Amor en Bruto. Eu a todo digo sempre que si, que estamos trabahando en ellou, e manteño ao público expectante. Cría fama e vai para cama. Até hoxe. Porque hoxe, miñas donas e meus señores, chegou o momento de revelar o segredo do Brownie de Snob Megalove™.
A FÓRMULA MAXISTRAL
- 250 gramos de manteiga.
- 200 gramos de chocolate con leite Milka.
- 200 gramos de azucre.
- 150 gramos de fariña triga.
- 4 ovos frescos.
E nada máis, todo produtos que podes atopar no teu Gadis de confianza. O lector gourmet xa levaría as mans á cabeza logo de ler iso do chocolate Milka, porque 1) está fatal visto citar nomes de marcas comerciais nas receitas, e 2) está fatal visto cociñar con outra cousa que non sexa cacao 100% puro e amargo coma a derrota. Pero eu digo: o Milka é o segredo do Brownie do Snob Megalove™, pura ambrosía que ninguén que sexa persoa confunde co mundano chiculate. E digo máis: estamos a falar de repostería. Por moi exquisitos que nos poñamos, a repostería non deixa de ser en esencia unha chea de azucre + unha chea de graxa + algo que nos faga de cemento (ovos, fariña…); probablemente a máis burda (e lucrativa) das artes culinarias. Pregúntenlle ao Señor Donuts. Menos finura, e máis estar ao que hai que estar.
O PROCESO, A PROBA DE PARVOS
- Mesturamos o azucre e máis a fariña nunha cunca. Se cadra é superstición, pero teño a idea de que isto axuda a que a fariña non faga grumos, o que nos aforraría esforzo remexedor máis adiante. Este é o momento de engadir uns 5 gramos de levadura química (1/3 dun sobre de Levadura Royal), se queremos un brownie máis esponxoso (máis queique e menos brownie), unha insensatez que comentarei máis adiante.
- Batemos os ovos ben batidos. Na listaxe de ingredientes especifiquei que os ovos fosen frescos. Moitas receitas fan o mesmo, coma se fose un detalle que alguén pode pasar por alto. Gustaríame saber que caste de viandas se poden elaborar con ovos que non sexan frescos, con ovos podres.
- Fundimos a manteiga e máis o chocolate. Podemos empregar o antediluviano baño maría, pero o xeito máis doado e rápido de facelo é poñelos esnaquizados e ben repartidos nun bol, e metelo no forno microondas a baixa potencia. Hai que estar pendente de que fundan ben sen chegar a cocer, catro minutos poden ser abondo. Así vexamos que a manteiga completamente derretida cubre a superficie, retiramos do microondas e remexemos con brío, até producir un líquido marrón uniforme e delicioso.
- Xuntámolo todo. Isto compre facelo a todo filispín, e sen deixar de remexer para que a pasta non calle. Primeiro botamos nun recipiente grande a mestura de manteiga e chocolate. Engadimos os ovos batidos e mesturamos ben. Engadimos o azucre coa fariña, e volta a remexer até que teñamos unha pasta homoxénea, cor caca de cativo. Esta sustancia sábeche a gloria, pero a súa inxesta en cru provoca infernais ardores de estómago.
- Botámolo no molde. Un de biscoito, coma o da foto de arriba, é o que precisamos. Para evitar que o brownie fique apegado, hai quen o engraxa con manteiga e esparexe fariña, pero nós vivimos no século XXI e imos empregar unha boa folla de papel sulfurizado, que cubra o fondo e as paredes do molde e aínda sobre por tódolos lados. Botamos por riba a pasta, e vai directo para o…
- Forno a 150ºC e agardar sobre uns corenta minutos. Para comprobar que o brownie vai feito, metémoslle un coitelo polo centro, e miramos se deixa resto na folla. Cando o coitelo saia limpo, retiramos do forno, deixamos arrefriar, desmoldamos doadamente coa axuda do papel sulfurizado e xa temos o noso Brownie do Snob Megalove™.
UN MONTE DE POSIBILIDADES
- Como dixen antes, podemos engadir unha pouca levadura química (con cinco gramos, ou 1/3 dun sobre de Royal, xa abonda) para que o brownie saia máis lixeiro e esponxoso. Isto constitúe unha traizón ao espírito mazacote do brownie, que só é posible expiar cumprindo o seguinte punto.
- O auténtico Brownie do Snob Megalove™, o que sae na foto, é un brownie de chocolate con dobre de chocolate. Para facelo, temos que enchoupalo en salsa: fundimos 100 gramos de Milka con outros tantos de manteiga, remexemos ben e deitámolos sobre o brownie xa frío. Isto hai países nos que é delito, fóra coñas.
- Hai quen bota na masa unha presa de avelás e/ou noces en cachiños. A min non che me chistan moito.
- Seica está de moda engadirlle sal aos brownies. Eu penso que non lle aporta nada, e que o único motivo para cometer este exceso é alporizar á comunidade médica internacional.
- O brownie con haxís é todo un clásico drogadizo. Unha das primeiras cousas que me aprenderon foi a non meter na boca nada que saíra do cú de ninguén. Vós saberedes.


Xuño 8th, 2010 at 4:26 p.m.
Eu lendo isto penso nunha futura morte por un infarto coas arterias obstruídas por iso de “enchoupalo en salsa”. Que barbaridá…
Pero vouno probar como-non-hai-diós. Gzs!
Xuño 8th, 2010 at 5:29 p.m.
Agora mesmo teño unha dúbida… Sei que ese día cheguei tarde e agora non recordo se me gardárades un anaco ou non… Da vosa resposta poden depender moitas cousas…
Xuño 8th, 2010 at 10:45 p.m.
Meu Rei: Estoulle dando voltas e agora non se me ocurre, xa non digo un prato, senón unha cousa ou mesmo un concepto que non mellore se vai “enchoupado en salsa”.
Frifri: Que eu lembre, ninguén gardou nada, nin tan sequera as apariencias. Foi o más semellante a un partido de fútbol australiano que teña visto en persoa.
Xuño 9th, 2010 at 9:57 a.m.
Eu non fora a esa chuzarrascada, pero agora poderei gozar desta marabillosa receita. Moitas grazas de antebrazo!