O Proxecto da Páxina 100
Escoller un libro que che guste, abrilo pola páxina 100, e crear unha adaptación en comic desa páxina. Niso consiste O Proxecto da Páxina 100 (The Page 100 Project), e os que me coñecen ben saben que eu só podería aceptar de inmediato semellante convite aberto á carallada e á perda de tempo. Aínda que non chegue sequera a “debuxante afeccionado”. Aínda que leve anos sen coller un lapis para outra cousa que non sexa facer sudokus. Aínda que me expoña, por todo iso, ao máis absoluto dos ridículos. Imos aló!
Sen perder un segundo botei man de Por Favor Mátame: La Historia Oral del Punk, de Legs McNeil e Gillian McCain (editado en castelán por Discos Crudos). Unha reveladora crónica, nas voces dos seus protagonistas, da escena (proto)punk norteamericana na que participaron grandes coma os Ramones, os New York Dolls ou os Stooges de Iggy Pop.
Velaí o lamentable resultado:
Pódese debuxar peor unha guitarra eléctrica? Hai que dicir que esta páxina 100 non lle fai xustiza ao libro, un non parar de sexo chungo e drogas duras e persoeiros do rocanrol poñéndose a parir os uns aos outros.
Non quedei moi convencido co resultado, e xa tiña o verme do debuxo instalado no miolo, así que a cousa non podía ficar aí!
No meu segundo intento quixen probar cunha narrativa máis lineal e comiqueira, así que collín do seu andel “Ven y Enloquece” y Otros Cuentos de Marcianos, o primeiro dunha serie de volumes (editada por Gigamesh) que recompila a ciencia ficción completa do autor de culto Fredric Brown, un mestre do pulp, a sorpresa e o humor negro.
A páxina 100 deste libro caeu no medio do relato El Gusano Angelical (The Angelic Tapeworm) e, por moi tolo que poida parecer, xuro que non estou a inventar nada desto:
Para o meu seguinte atentado contra a Novena Arte, escollín un libro dos de ler cunha man soa: Diálogo de Cortesanas de Pierre Louÿs (da colección La Sonrisa Vertical, home non!) leva comigo dende que o atopara, hai unha chea anos, agochado no faiado da casa dos meus avós. Porcallada pura e delirante, fuel de primeira para peras preadolescentes e, se cadra, principal responsable de boa parte do amor que lle poida ter eu á lectura.
Eis unha mostra da materia radiactiva coa que estiveron feitos os meus soños húmidos:
Eu chego a pensar que é cousa do cableado do miolo humano, alleo a calquera condicionante cultural, que cando debuxamos o peito da muller nos saia desproporcionadamente grande. Neste comic, poño por caso, pretendín representar unha rapaza nova (“así me medren as tetas…“) e a pulsión pectoral levoume por mal camiño. Claro que, para ser máis gamberro (e fiel ao espírito porquecho de Louÿs), o que tiña que ter debuxado era unha meniña. Caín na conta tarde de máis!
Xa para rematar tocando algún tema do país, botei man do libro que máis me gustou nos últimos meses: Otra Idea de Galicia de Miguel-Anxo Murado (editado por Debate), un ensaio sobre a nosa terra que derruba mitos e cuestiona verdades universais, que ilumina moitas zonas escuras da nosa historia e idiosincrasia, sen casar con ninguén e poñendo a todos no seu sitio. Eu sempre aviso, Otra Idea de Galicia está chamado a ser o manual do listillo galego. E eu, que son de vocación listillo, non teño unha célula no corpo que resista aos seus encantos.
Velaí o derradeiro comic, ao que procurei darlle o “toque Entrialgo” (prócer do listillismo coma poucos):
E punto, acabouse a peseta.




Maio 24th, 2010 at 2:35 p.m.
El de Diálogo de cortesanas es genial :) las caras de ella me encantan :D
Maio 29th, 2010 at 11:15 p.m.
Grathanks Lòisiña! Por comentar, e por valorar positivamente as miñas desfeitas! ;-)
Xuño 3rd, 2010 at 2:31 a.m.
‘Por favor mátame’ é un libro caralludo. Non hai que aturar as paranoias literarias de terceiros e vai directo aos collóns. E encántanme os teus debuxos!
Xuño 5th, 2010 at 5:51 a.m.
Si, “Por Favor Mátame” é GRANDE, para min máis ca un simple libro sobre rocanrol, é unha novela na que os propios protagonistas narran feitos verdadeiros e alucinantes! Cun estilo calcadiño tamén están “Tenemos la Bomba de Neutrones” sobre a escena punk de Hollywood, e o “Punk Rock: An Oral Story” de John Robb (este só en inglés, pero moi sinxeliño) sobre a escena británica. E “El Otro Hollywood”, dos mesmos autores de “Por Favor Mátame” que conta a historia do cine porno. Todos moi recomendables!
E gracias polo dos debuxos, home! A ver se me volve dar por aí outro día! :)
Xuño 25th, 2011 at 3:58 a.m.
Non lin ningun deses libros, pero so de ver as tuas adaptacions a comic, estanme a entrar as ganas. Penso que terias un gran futuro como debuxante de comics cutres