O Proxecto da Páxina 100
Maio 24th, 2010 Snob MegaloveEscoller un libro que che guste, abrilo pola páxina 100, e crear unha adaptación en comic desa páxina. Niso consiste O Proxecto da Páxina 100 (The Page 100 Project), e os que me coñecen ben saben que eu só podería aceptar de inmediato semellante convite aberto á carallada e á perda de tempo. Aínda que non chegue sequera a “debuxante afeccionado”. Aínda que leve anos sen coller un lapis para outra cousa que non sexa facer sudokus. Aínda que me expoña, por todo iso, ao máis absoluto dos ridículos. Imos aló!
Sen perder un segundo botei man de Por Favor Mátame: La Historia Oral del Punk, de Legs McNeil e Gillian McCain (editado en castelán por Discos Crudos). Unha reveladora crónica, nas voces dos seus protagonistas, da escena (proto)punk norteamericana na que participaron grandes coma os Ramones, os New York Dolls ou os Stooges de Iggy Pop.
Velaí o lamentable resultado:
Pódese debuxar peor unha guitarra eléctrica? Hai que dicir que esta páxina 100 non lle fai xustiza ao libro, un non parar de sexo chungo e drogas duras e persoeiros do rocanrol poñéndose a parir os uns aos outros.
Non quedei moi convencido co resultado, e xa tiña o verme do debuxo instalado no miolo, así que a cousa non podía ficar aí!


