A Ominosa Ensalada de Pasta
A pregunta:
Acláreme o concepto de “vida ensalada de pasta”, se me fai o favor.
A resposta:
Imos por partes. Primeiro, a ensalada de pasta, como a fai a maioría da xente, é un dos pratos máis ruíns que existen no mundo. Nin tan sequera é sincera na súa cutrez, como o son os vulgares espaguetis con salsa Solís, ou a pizza ultraconxelada. Alguén pode convidarte a xantar e servir ENSALADA DE PASTA, e sentirse bo anfitrión, sofisticado, orixinal e mesmo un pouco chef. Eu digo non a iso. NON. Pasta fría, maionesa de bote, un par de latas que xa tes abertas na neveira, embutido do máis insípido e sospeitoso. Iso non é comida. A ensalada de pasta alimentará o corpo, pero non a alma. A alma vaina matando de vagar.
Agora, hai persoas, en especial parellas noviñas, que viven xuntas. Que queren que a convivencia sexa guai, que queren que cada día teña algo bonito para compartir. Un detalle. Todo coa mellor intención. E van e preparan ENSALADA DE PASTA para cear EN AMOR Y COMPAÑÍA. E ven xuntos Aída, ou Fama, ou House. A rutina vaise impoñendo, as súas almas van sendo esmagadas, cuadriculadas, estupidizadas pola ensalada de pasta e todo o que representa. A súa vida social vai minguando, xunto coas súas ganas de ser alguén, de distinguirse, de crear, de tolear, de meterlle un pouco de arte e rocanrol á vida. Fanse adultos no máis triste dos sentidos. A ensalada de pasta é unha arma de represión.
A isto me refiro cando falo de “Vida Ensalada de Pasta”.
Tirado da miña páxina no Formspring, a web de entrevistolas que causou grande sensación na rede galega. Durante tres días ou así. Logo xa a deron por morta.
Febreiro 11th, 2010 at 10:49 a.m.
Vou fazer desta doutrina um dos eixos da minha vida, losepas.
Febreiro 12th, 2010 at 1:36 p.m.
E farás ben! Morte á ensalada de pasta!
Febreiro 19th, 2010 at 9:15 a.m.
Voume facer entrevistadora. Con un Late Nite Show e todo.