The War Nerd
Escaparates de librarías xeralistas, eses mosaicos deprimentes dos best-sellers do momento. Os últimos gañadores de premios resesos, as novidades das editoriais fortes, algún tocho para opositores ou universitarios. E para darlle rocanrol, un feixe de volumes con fotos de armamento, os Beatles, cociña ou tetas así en plan artístico. Lóxico que ler estea tan mal visto. Pero un deses retablos da chunguez deume onte unha alegría cando, entre a miseria habitual, atopei un nome familiar (e por riba escrito nese tipo de letra) que me fixo mexar un pouco por riba: Gary Brecher.

O FRIQUI DA GUERRA
Está gordo, vive en Fresno, traballa en entrada de datos e bebe Cola Light de máis. Soubo cómo ía ser a Guerra de Irak movemento a movemento, que Hezbollah gañaría a Guerra do Líbano, que Al Qaeda estaba detrás dos atentados de Madrid cando tódolos demais aínda culpaban aos pobres vascos. Gary Brecher, tamén coñecido como The War Nerd (o Friqui da Guerra), leva anos publicando a puta mellor columna de historia e actualidade bélica da rede. A súa sección en The Exiled (e anteriormente en The Exile) é indispensable para todos os que, despois de ver as noticias, quedamos igual, sen saber de que vai o conto, nin sequera quen vai gañando. Bota por fóra con ánimo provocador, unha chea de coñecementos e verdadeira paixón polos temas tratados. Vai indagando na raigame de cada conflicto, moitos deles ignorados pola prensa, deixa as cousas claras e dispara contra tódolos bandos con chulería, cinismo e salvaxe sentido do humor. O seu estilo informal, irónico e incisivo lembra a Michael Moore, a Spider Jerusalem, aos comics de Garth Ennis, a aquel xeito pop de contar a Historia de Roma que tivo Indro Montanelli. Coas coñas, os escritos ás veces frívolos e escatolóxicos do War Nerd funcionan coma un dos máis intelixentes e poderosos alegatos antibelicistas que teño coñecido. E aínda por riba, son graciosos de verdade.
HAZAÑAS Y CHAPUZAS BÉLICAS
Este é o título, tristemente xenérico e castizo, que alguén decidiu darlle a edición en castelán de The War Nerd (2008), escolma das columnas de Gary Brecher para The Exile. É dicir, todas están dispoñibles na súa versión orixinal aquí, xunto con ducias máis. Iso si, no libro veñen pulidas e reorganizadas en capítulos segundo o continente no que teñan lugar as guerras das que falan, e cun extra adicado a “armamento, estratexia e doutriña”. Catrocentas páxinas de historia, diversión e humor negrísimo por menos de dez euros, señora. Un incondicional coma min lamenta a ausencia dalgún clásico persoal, pero estou moi satisfeito coa inclusión da reveladora análise sobre o conflicto da illa de Perejil (España vs. Marrocos: Dous Teleñecos fan Iwo Jima), que de seguro poñerá dos nervios a máis dun lector español.
Gary Brecher continúa escribindo novas columnas en The Exiled, a derradeira sobre os mercenarios en Irak. Hai un par de meses que non aparece unha nova e eu, deus me perdoe, case estou comezando a desexar que estoure unha guerra nalgures e nos traia de volta ao War Nerd.
novembro 4th, 2009 ás 7:29 pm
oh, mira já sei o que lhe vou regalar ao meu pai que está de aniversário o sábado
novembro 4th, 2009 ás 8:16 pm
Seguro que acertas! E xa de paso pódelo ler ti de camiño, no bus a Ferror!
novembro 7th, 2009 ás 2:26 am
E eu que pensaba que era a única friki que lía ó tipo este… Comparto a túa vergoña, eu tamén quero que analice como acostuma novas guerras. Pero xa vou ir a que me miren cal é a peza que me falta na cabeza.
Contouche Meryone que a esta María tamén lle gusta o teu blog?
novembro 10th, 2009 ás 11:39 am
Contou, si! E debo dicir que estou encantado de compartir unha lectora co señor War Nerd! Bicos, María!