Hidamari no Ki – El Árbol Que Da Sombra

Seguramente, a obra de Osamu Tezuka máis coñecida no noso país sexa Adolf, un thriller histórico pop ambientado na Alemaña Nazi e o Xapón da II Guerra Mundial, que o chamado “deus do manga” creou nos anos postreiros da súa vida.
De xeito paralelo a Adolf, Tezuka publicou Hidamari no Ki (A Árbore na Solaina), a narración en manga dun dos momentos decisivos na creación do Xapón moderno. Ao rematar de ler o oitavo e derradeiro tomo de El Árbol Que Da Sombra, edición española de Hidamari no Ki, fica un satisfeito, e con gana de volver atrás e saborear os grandes acontecementos que foron desfilando polos milleiros de páxinas de cómic. Os afeccionados ao manga saberán o excepcional que é iso, nun estilo tan orientado cara o efectismo de usar e tirar.
O problema que o lector galego pode ter con El Árbol Que Da Sombra é o descoñecemento dos feitos históricos que sirven de telón de fondo da narración. A obra, concebida para o público xaponés, adoita dar por sentado que o lector sabe o que pasou durante a turbulenta época chamada Bakumatsu. Agora, ergan a man os occidentais que estean ben familiarizados co que aconteceu en Xapón entre 1853 e 1868.
O que imaxinaba. Eu tampouco.

BAKUMATSU
No ano 1600 deu comezo en Xapón o “periodo Edo“, unha era na que os belixerantes han (señoríos feudais) estiveron sometidos ao poder militar dos sucesivos xogúns (xeneralísimos) da dinastía Tokugawa, co emperador retirado a un papel puramente cerimonial. Este foi o tempo dos samurais, no que en Xapón se estableceu un ríxido sistema de castas, mentres o país permanecía aillado, por lei e pola forza, do resto do mundo.
En 1853, a chegada dos “barcos negros” estadounidenses supuxo o comezo da fin do aillamento, do periodo Edo e o poder dos xogúns: o Bakumatsu. Entón é onde arrinca a nosa historia, cando son moitos os que ven a necesidade dunha reforma no governo para facer fronte á nova situación e rematar co atraso do país. A chegada do cónsul Townsend Harris crea unha vaga de xenofobia e oposición ao xogún, baixo o lema sonnō-jōi: reverenciade ao emperador, botade fora aos bárbaros. As revoltas sucédense e son esmagadas no han de Mito e no de Chôshû. Será a alianza das provincias de Chôshû e Satsuma a que derrube ao derradeiro xogún en 1868, poñendo fin ao Bakumatsu e inaugurando a restauración imperial e a modernización da Era Meiji. É neste crucial momento cando Hidamari no Ki remata, xunto co tempo dos grandes señores feudais.

COITELAS
O único que facedes os samurais é abanear coitelas e ir matar por aí. Nós os médicos facemos o mesmo, pero o noso é para salvar vidas. Con este delicioso cliché explica Ryôan Tezuka o seu lugar no mundo fronte ao de Manjirô Ibuya, con quen comparte protagonismo en Hidamari no Ki, e rivalidade polo amor da fermosa O-Seki. As profesións non poderían estar mellor escollidas, pois o Bakumatsu significou o comezo da práctica da medicina moderna no Xapón, e tamén a fin do poder dos señores dos samurais. A través da vida de Ryôan Tezuka, descubrimos a xenofobia e as manobras políticas ás que tiñan que se enfrontar os practicantes das proscritas técnicas occidentais, sempre en conflicto coa medicina tradicional chinesa, a oficial do estado. Pero mentres Ryôan ve o progreso na apertura de Xapón a occidente, para o samurai de baixo rango Manjirô Ibuya é unha fonte de incertidume: será testigo e víctima da ineficacia e progresiva corrupción do governo do xogún, e tamén dos intentos de reformalo ou derrubalo. Son dous heroes atípicos, para o que o manga e a narrativa histórica nos teñen acostumados. O doutor, canfurneiro e luxurioso, permanece á sombra do seu pai, tamén médico. Por outra banda, a habilidade coa katana do guerreiro é insignificante se a comparamos coa que ten para meterse en leas que lle van moi grandes. Nin Ryôan nin Manjirô pasarán á historia, pois xa lles chega ben o esforzo de procurar que a historia non pase por riba deles.

O DEUS DO MANGA
Que un dos protagonistas comparta o apelido de Osamu Tezuka non é casualidade, trátase dun antepasado do “deus do manga”. Os Tezuka foron dinastía de médicos; o propio autor estudou a carreira antes de entregarse á vocación do manga, e tempo despois deu bo uso dos seus coñecementos en obras “adultas” coma Oda a Kirihito (1970-71), Black Jack (1973-83) ou esta Hidamari no Ki (1981-86). Pero as enfermidades que explorou en profundidade nesta parte da súa producción foron realmente as que a humanidade sofre no seu conxunto: a ambición, a crueldade, a corrupción que conleva o poder, a guerra… El Árbol Que Da Sombra pertence á mesma etapa “escura” que as xa citadas, máis Ayako (1972-73), MW (1976-78) e Adolf (1983-85), pero distínguese de todas elas polo rigor histórico, por levantar un chisco o pé do afundido pedal de pesimismo e rebaixar os niveis de pulp en sangue. Hidamari no Ki non é tanto un thriller ao xeito das súas obras irmás coma unha mostra máis desa aparatosa e colosal modalidade narrativa que, en plan DIY, din en chamar…
NOVELÓN
Longo, realista e intensamente dramático, ateigado de personaxes, amores, amizades e traxedias que veñen e van, todo entretecido nun feixe de anos especialmente turbulentos da historia. Un Foise Co Vento, un Les Misérables, un Guerra e Paz. Un NOVELÓN. Cultura espesa. O que a xente que non lee nada debe pensar que levan dentro todos os libros gordos, e todas as películas en branco e negro. Non é doado atopar un NOVELÓN (sempre en maiúsculas) nas leiras do cómic, nas que se adoita sementar fantasía, humor, autobiografía, serie negra e delirio pop en xeral. Hidamari no Ki é unha excepción, unha proba máis de que o noveno arte está disposto a todo. E por riba diso, é unha lectura divertida, didáctica e apaixonante, chea de acción e sorrisos, e narrada coa mestría inconfundible dun dos grandes. E iso xa é motivo abondo para poñernos á sombra dos centos de follas desta árbore na solaina.
outubro 11th, 2009 ás 10:57 pm
Ti verás o que fas. Eso si, un blog a seguir desde xa
outubro 11th, 2009 ás 11:06 pm
Grathanks, mourullo! Sonlle moi vago para isto de postear, aviso. Aínda así, agardo manter un ritmo lento pero constante!