Batman, con B de Bilingüe
febreiro 8th, 2010 Snob Megalove
Feito co Batman & Robin Comic Generator.
Tiven o blog algo esquecido, pero xa estou de volta!

Feito co Batman & Robin Comic Generator.
Tiven o blog algo esquecido, pero xa estou de volta!

Imos todos fartos das cancións de amor tráxico, de amor platónico, de amor eterno, hortera e babexante. O que lle pide o corpo á década que estamos a piques de inaugurar é amor gore, pasando de romanticismos e sutilezas.
Con esa idea na cabeza xuntámonos o outro día Vil Megalove, Alex KoploBitch e máis eu para perpretar o primeiro atentado contra o bo gusto de Shit Pony, o novo proxecto musical no que andamos metidos, e do que xa vos irei contando máis cousas próximamente.
Polo momento, aquí vos vai Violencia, o primeiro single de Shit Pony, unha ración do noso punk subnormal made in Conxo. Composta e gravada en hora e pico escasa, coma Deus manda.
A LETRA
Eu non vou buscando amores, prefiro unha labazada
Un directo ás costelas! Déixame a cara morada!Se che pido un bico (Vas levar! Vas levar!)
Douche nos fuciños (Faime mal! Faime mal!)
Nena faime sangue (E non vaias parar!)
Córtame en cachiños (Na na na na na na!)Violencia! Quero con urxencia un pouco de violencia!
Non teño paciencia! Vou estoupar!
Violencia! Dame con urxencia ultraviolencia!
Esgótase a paciencia! Voute matar!As navallas son para os nenos, as pistolas para os covardes
Neno dame algo máis duro, ou non chego a excitarmeQuen quere katanas habendo fouciños!
Teño un taladro! Faime buratiños!

Hoxe cúmprense tres anos do debut en concerto dos Megaloves, o dúo de Anarcountry e Murder Blues no que eu meto os berros e Vil Megalove o sentidiño. E para celebralo aquí tedes unha nova canción, a nosa adaptación ao galego dun tema de The Clash coa que agardamos sumarnos ao concurso/homenaxe que lles están a facer en Radio 3 co gallo do trixésimo aniversario da publicación do London Calling, o puto mellor disco da historia.
The Right Profile, que rebautizamos Perfil Perfecto na nosa versión, fala do accidente de coche que marcou a decadencia do coitado Montgomery Clift, estrela daquel Hollywood clásico, o de Marilyn Monroe e James Dean, o que vivía rápido e deixaba fermosos cadáveres.
En Perfil Perfecto contamos coa participación do amigo “Pretty Boy” Roi na harmónica e o banjo, un verdadeiro luxo!
A LETRA
Ei, onde vin eu a este nacho?
En Río Vermello, ou Un Lugar ao Sol
En Vidas Rebeldes ou De Aquí á EternidadeTodos queren saber quen é
Todos preguntan se está ben
A todos fáiselles coñecido
É Montgomery Clift, cariñoMarcan o ritmo de Nova York
Chulos e putas na 42
A Monty quen o vai recoñecer
Coa roupa rota e sen zapatos nos pésVexo o coche no que se esnafrou
Perfil perfecto partido en dous
Non é momento para aplaudir
Aínda sinte? Pode vivir?Nembutal calma a dor
Pero eu prefiro o alcool!Trae outro taco de fotos pra asinar
Trae outro bote de pílulas máis
Estou tremendo e frío non fai
Aaaargh!
Se nalgures dan un premio á mellor portada de disco do ano, aviso que o galardón xa ten dono este 2009. Monstros mariños + rapaza en apuros (e biquini). Simplemente imbatible.

E se a portada xa emite boas vibracións, agarda a escoitar o disco. Invisible Girl é unha das mellores cousas que lle teñen pasado á música nos últimos tempos, unha bomba de diversión tontorrona sen complexos, como ten que ser o mellor rocanrol, da man de dous expertos na materia, os canadianos King Khan e BBQ (nin bibiquiú nin bebecú; pronúnciese Bárbequiu, coma o churrasco).
Cando escoitas un temazo coma Tastebuds, que fala con ledicia do desexo de ter papilas gustativas nos xenitais, tes que escoller: ou asumes que estás ante a puta mellor canción do ano, ou aceptas que levas moito tempo morto, e non te decataras. Así de claro, e máis tendo en conta que esta é unha peza de punk-pop rocanroleiro e carallán como non se facían desde o tempo dos Rezillos.
A clave, xa o dixen, está na diversión estupidizante e liberadora. Iso si, ligada de xeito inseparable cun exquisito sentido do gusto. Transgresor, kitsch e punk, pero con moito amor e savoir faire rocanroleiro. E con tanta reverencia á raigame musical como vontade de variar, mesturar e sorprender. Se nos poñemos etiquetadores, en Invisible Girl temos un feixe de cancións con aires doo-wop nos que da gloria a poderosa voz de BBQ (Anala, I’ll Be Loving You, Tryin’, a sentida Third Ave.), pero tamén martelazos de punk do 77 (Truth or Dare), trallazos powerpop (Lonely Boy) e mesmo cousas que me fan lembrar aos Rolling Stones do Exile on Main St. (Crystal Ball), pero ningunha canción fica en simple réplica dun estilo. Nin moito menos.
En resumo, se compartes a miña opinión de que nunca haberá suficientes cancións de rocanrol nas que se fagan imitacións de animais de granxa coa voz, vas flipar con Invisible Girl.

PERO QUEN SON ESTES NACHOS?
O bigotes do casco prusiano é King Khan, un James Brown de mercadillo con moita querencia polos disfraces. Foi o terror de Montreal na segunda metade dos anos 90 cos Spaceshits, uns punks tan brutiños que acabaron por non ter onde tocar en toda a cidade. Ao rematar a derradeira xira da banda, decidiu ficar en Berlín, onde xuntou unha completa orquestra de funk psicótico e soul psicodélico, que o acompaña baixo o nome de King Khan & His Shrines.
O malencarado do turbante é Mark Sultan, tamén coñecido como BBQ. Dono dunha voz cálida e atemporal, arrincada por arte de maxia dun vinilo gastado do primeirísimo soul. Tamén foi un Spaceshit en tempos, e de volta en Montreal fundou Les Sexareenos, banda de frat rock sesenteiro hipervitaminado. Cando estes decidiron separarse a cousa era seguir tocando en directo, así que Mark Sultan colleu micrófono, guitarra e pedais da batería e se botou á estrada feito un one-man band, auténtico home orquestra baixo o nome de BBQ.
The King Khan & BBQ Show é a suma dos dous elementos, o home-espectáculo e o home-orquestra. E o resultado é unha chea de melodías pegañentas, baterías primitivas e guitarras crocantes, e un amor pola carallada de proporcións épicas. Este Invisible Girl é o seu terceiro LP, despois de The King Khan & BBQ Show (2005) no que revitalizaron moitas das xa de por sí salvaxes pezas de BBQ en solitario, e o aclamado What’s for Dinner? (2006). Polo medio, King Khan seguiu cos Shrines e Mark Sultan sacou os seus Sultanic Verses (2007), ademáis de voltar ao punk cos Mind Controls. E os dous xuntos formaron os Ciaoculos (cos italianos Mojomatics), e a superbanda de gospel The Almighty Defenders (cos seus colegas dos Black Lips).
Demasiada información? A culpa é deles, que non paran quietos nin por un segundo. Non tiveches abondo? Pois pásame por aquí:

Despois de vela por primeira vez hai uns días, fiquei para sempre namorado da sexploitation arxentina Carne (1968), firme candidata ao título de Mellor Peor Película da Historia. En serio, haina que ver para acreditar os niveis de sordidez e incorrección que chega a acadar. A historia é un dramón absoluto, pero a mestura de diálogos absurdos, actores ineptos e sexo chungo fan de Carne unha comedia delirante coma poucas.
Máis sobre este clásico do cine perralleiro noutras leiras da rede :
Warren Ellis, é un dos recoñecidos guionistas desa gradual “invasión británica” que leva revolucionando o comic americano desde finais dos anos 80, no seu caso con títulos fundamentais coma Transmetropolitan (1997-2002), The Authority (1999-2000) ou Planetary (1999-2009). Tamén é un veterano blogueiro e entusiasta da rede, o que se fai notar moito en Little Crooked Vein (2007) a primeira novela que ten publicado.
Este Camino Tortuoso comeza cando un detective privado na ruína, perdedor e autocompasivo, recibe a oferta de traballo da súa vida: terá que recuperar para o goberno a orixinal e nunca revelada (e de seguro maléfica) constitución dos Estados Unidos. Quince páxinas despois atopámolo seguindo o rastro do manoscrito nun cine X ateigado de macroherpetófilos: xente que fantasea con foder en Godzilla. Se o que acabas de ler non che parece un bo punto de partida, saca o puto cu do meu blog agora mesmo.

Pois ben, agora que ficamos sós farei unha proclama: Crooked Little Vein podería ser a nosa novela xeneracional. É puro produto da mitoloxía geek nesta primeira década do século, un universo de conspiranoia, crime e lendas urbanas feitas realidade. Un inevitable descenso á mazmorra freak do porno bizarro, as SuicideGirls, o polyamor, a modificación corporal e os fetichismos máis delirantes. Os acontecementos sucédense a fume de carozo, a velocidade demencial que marcan as nosas mentes queimadas diante dun monitor. É imposible abrir o libro por calquera páxina e non atopar un algo que enganche, unha provocación, unha boa sacudida de humor faltón. Para entendernos: se 4chan fose unha novela, habíase chamar Camino Tortuoso.
Ellis, dialoguista mordaz e emperador da coolness, destila con esta mestura de xénero negro, road movie e comedia desatada a esencia do pulp contemporáneo. Sinxela literatura de consumo, brava e subversiva, e impúdicamente divertida. E por suposto, sen intención nin por un segundo de tomarse en serio a si mesma. Xa o di o artista:
(…) a axente literaria (…) Lydia Wills, tomou como obxectivo na vida tocarme os collóns até que lle escribise unha novela. Así que Crooked Little Vein foi concebida como un xeito de que me deixara estar, en serio. Escribín 10.000 palabras que considerei clara e manifestamente impublicables e mandeillas (…) Chamou dúas semanas despois para dicirme que llo vendera a HarperCollins, (…) A día de hoxe, aínda teño a extraña sensación de que me fixeron trampa. De todos xeitos, esto parece probar que non sei nada do mercado, e que aparentemente América pide a berros un libro sobre granxas de porno, violación tántrica de avestruces e a ben documentada preferencia sexual polos lagartos xigantes radioactivos. Así que non me fagades caso. Mercade o libro. Foi Aprobado por Profesionais.
Escaparates de librarías xeralistas, eses mosaicos deprimentes dos best-sellers do momento. Os últimos gañadores de premios resesos, as novidades das editoriais fortes, algún tocho para opositores ou universitarios. E para darlle rocanrol, un feixe de volumes con fotos de armamento, os Beatles, cociña ou tetas así en plan artístico. Lóxico que ler estea tan mal visto. Pero un deses retablos da chunguez deume onte unha alegría cando, entre a miseria habitual, atopei un nome familiar (e por riba escrito nese tipo de letra) que me fixo mexar un pouco por riba: Gary Brecher.

O FRIQUI DA GUERRA
Está gordo, vive en Fresno, traballa en entrada de datos e bebe Cola Light de máis. Soubo cómo ía ser a Guerra de Irak movemento a movemento, que Hezbollah gañaría a Guerra do Líbano, que Al Qaeda estaba detrás dos atentados de Madrid cando tódolos demais aínda culpaban aos pobres vascos. Gary Brecher, tamén coñecido como The War Nerd (o Friqui da Guerra), leva anos publicando a puta mellor columna de historia e actualidade bélica da rede. A súa sección en The Exiled (e anteriormente en The Exile) é indispensable para todos os que, despois de ver as noticias, quedamos igual, sen saber de que vai o conto, nin sequera quen vai gañando. Bota por fóra con ánimo provocador, unha chea de coñecementos e verdadeira paixón polos temas tratados. Vai indagando na raigame de cada conflicto, moitos deles ignorados pola prensa, deixa as cousas claras e dispara contra tódolos bandos con chulería, cinismo e salvaxe sentido do humor. O seu estilo informal, irónico e incisivo lembra a Michael Moore, a Spider Jerusalem, aos comics de Garth Ennis, a aquel xeito pop de contar a Historia de Roma que tivo Indro Montanelli. Coas coñas, os escritos ás veces frívolos e escatolóxicos do War Nerd funcionan coma un dos máis intelixentes e poderosos alegatos antibelicistas que teño coñecido. E aínda por riba, son graciosos de verdade.
HAZAÑAS Y CHAPUZAS BÉLICAS
Este é o título, tristemente xenérico e castizo, que alguén decidiu darlle a edición en castelán de The War Nerd (2008), escolma das columnas de Gary Brecher para The Exile. É dicir, todas están dispoñibles na súa versión orixinal aquí, xunto con ducias máis. Iso si, no libro veñen pulidas e reorganizadas en capítulos segundo o continente no que teñan lugar as guerras das que falan, e cun extra adicado a “armamento, estratexia e doutriña”. Catrocentas páxinas de historia, diversión e humor negrísimo por menos de dez euros, señora. Un incondicional coma min lamenta a ausencia dalgún clásico persoal, pero estou moi satisfeito coa inclusión da reveladora análise sobre o conflicto da illa de Perejil (España vs. Marrocos: Dous Teleñecos fan Iwo Jima), que de seguro poñerá dos nervios a máis dun lector español.
Gary Brecher continúa escribindo novas columnas en The Exiled, a derradeira sobre os mercenarios en Irak. Hai un par de meses que non aparece unha nova e eu, deus me perdoe, case estou comezando a desexar que estoure unha guerra nalgures e nos traia de volta ao War Nerd.
Hai uns días tiven a ledicia de ver publicado un pequeno texto meu en El Emperador de los Helados, que co gallo do Halloween convidou aos lectores a participar nun proxecto colectivo chamado My Horror Love. A cousa ía de contar as historias de amor de cada un con monstros, heroínas e vítimas dos filmes de terror. Cinefilia pura.
Eu, que son de natural repunantiño, escollín a unha rapaza que non encaixa exactamente nesa categoría, pero que lle vai ben abondo. Aquí teñen a entrada orixinal en El Emperador de los Helados, e tamén tomei a molestia de traducila ao galego, un detalle para as vítimas das galescolas e a súa ruín imposición lingüística.
A Nena Que Foi Mércores
Existe unha verdade irrefutable: o neno é o lobo do neno. Alomenos, do neno diferente. Aquel que pola súa miopía, timidez ou gordura, as súas chamativas características físicas, os seus defectos na fala ou a roupa que os pais escolleran para el, aprendeu cedo na vida que o inferno son os outros.
Non se enganen, todos somos aquel neno ao que sinalaron co dedo até obrigalo a ver á Infancia desde fóra e sentir un noxo que te cagas. Con menudo fato de imbéciles me foron encarcerar, pensamos, porcos, prepotentes e totalmente carentes de empatía e orixinalidade. Por iso todos facemos a ola mentres a Fábrica de Chocolate de Willy Wonka vai esmagando un a un aos Demáis. E por iso todos namoramos daquela nena chamada Mércores.
Mércores Addams, menudo partidazo. Non só vivía na mansión que nós só podiamos imaxinar, non só tiña os pais máis xeniais do mundo, non só inventaba os xogos máis sanguiñentos e (polo tanto) divertidos que poidan existir. Por riba de todo iso, aquela nena non estaba obrigada a participar na Infancia, a interpretar o estúpido, sorrinte e canso papel que nos adxudicaran a todos só en base á nosa idade. Meu Deus, volvo namorar só de pensalo. Mércores era ceibe para vestir de negro, portarse mal e non sorrir, e lle importaba un carallo o que os demáis pensasen dela.
Por iso ten todo o sentido que aquela nena sinistra rematase por traballar con Tim Burton, Terry Gilliam, John Waters, Woody Allen ou os irmáns Wachowski. Tiñan unha débeda connosco, hostia. Porque Christina Ricci foi a Musa do Outcast Prepúber; un primeiro amor tan grande que, por moito que foramos medrando, nunca aceptamos deixar atrás.
Un amigo meu adoita dicir deles que “ya salen sudados a tocar“, e a min non se me ocurre un afago maior para os Samesugas. Unha década facendo Punk Rock con sabor a hostiazo na boca, a banda sonora macarra de Compostela. Aquí os temos pegando chimpos, nun videoclip que tamén ven ser adianto da serie Perros, da que aínda se sabe pouco, pero que xa promete as nosas cousas favoritas: violencia e rocanrol.
Uns anos de governo progresista para saber que todos os políticos son iguais, seguidos por uns de governo conservador para decatarnos de que non.